Xosé Miguel Pérez Blecua representa á Deputación na xornada "Está Ourense preparada para atraer o novo movemento ruralista?"

Compartir

San Xoán de Río, 25 de abril de 2024.

Os problemas da vivenda e a mobilidade centraron o debate da xornada celebrada esta mañá en San Xoán de Río baixo o título "Está Ourense preparada para atraer o novo movemento ruralista?". A sesión foi organizada polo hub de innovación e sostibilidade Ourense Rural é Vida, que integra 27 concellos da provincia.

O encontro, conducido pola actriz e presentadora Diana Nogueira, permitiu o intercambio de experiencias entre autoridades locais, técnicos municipais e persoas chegadas á zona nos últimos anos ou que prevén facelo a medio prazo. A xornada foi clausurada pola directora xeral de Desenvolvemento Rural e da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia, Inés Santé Riveira.

O deputado provincial de Dinamización do Medio Rural e alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez Blecua, participou nas intervencións, recalcando que "a solución para o rural é xerar actividade económica e para isto cómpre atraer talento, o que require ofrecer unha calidade de vida igual ou maior á que existe nas cidades", e con este fin sinalou como prioritarios os investimentos en vivenda e transporte.

As experiencias analizadas na xornada explicaron as motivacións e as vantaxes do rural nas que basean a súa aposta vital, así como as dificultades que atopan, entre as que subliñaron a case nula dispoñibilidade de vivendas en aluguer, a reducida oferta de inmobles para reformar, os altos prezos de venda alleos á realidade do mercado, así como a carencia de liñas de transporte público.

Nun segundo plano, aínda que non menos relevante, falaron do problema do emprego, pero neste sentido mostráronse máis optimistas, destacando as oportunidades de crear negocios a partir dos recursos naturais e patrimoniais combinados coas novas tecnoloxías, cada vez máis presentes no territorio e que están permitindo facer realidade novos proxectos empresariais.

Os representantes municipais coincidiron nesta diagnose e na necesidade de que as administracións autonómica e central aposten polo rural con máis recursos e reformas legais que faciliten o asentamento de novos poboadores.