Xóvenes de diferentes países, que participan nun campamento de verán, visitan o Centro Cultural "Marcos Valcárcel"

Compartir

Un grupo de 20 xoves de diferentes países, que participan nun campo de verán cultural e turístico promovido pola Xunta de Galicia, visitou as instalación do Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense para coñecer as actividades que se desenvolven neste espazo expositivo.

Os mozos, que proceden de varios países de Europa e Asia chegan a Ourense da man da Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, que desenvolve a Campaña de Verán 2012, para favorecer que a xuventude empregue parte do seu tempo vacacional en actividades de carácter lúdico, cultural, deportivo e formativo, que sirvan para divertirse e tamén para o enriquecemento persoal e vital, ademais de ofrecer a posibilidade de coñecer outros territorios da xeografía nacional.

"Acción de Verán" é un programa composto por diferentes áreas, que comprenden actividades de lecer para a xuventude e actividades de voluntariado en campos de traballo nacionais e estranxeiros. As actividades están dirixidas a todos aqueles mozos e mozas que desexen pasar un verán diferente, cooperando en iniciativas sociais ou compartindo experiencias con outros rapaces en campamentos de todo o estado. Son unha forma económica e divertida de axudar e gozar.