A Xunta apoia a candidatura proposta pola Deputación de Ourense da Ribeira Sacra como "Patrimonio da Humanidade"
- O conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez, reuniuse hoxe co presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e amosoulle o apoio do goberno galego a esta iniciativa.
A Xunta de Galicia apoia a candidatura impulsada pola Deputación de Ourense para declarar á Ribeira Sacra "Patrimonio da Humanidade". Así llo confirmou o conselleiro de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, ao presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, na reunión que ámbolos dous mantiveron hoxe en Santiago de Compostela, acompañados pola directora xeral de Patrimonio, María del Carmen Martínez Insua, e o xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez.
O goberno galego referenda a iniciativa que levaría a este fermoso territorio situado entre as provincias de Ourense e Lugo a acadar un pulo turístico, económico e social de relevantes dimensións se, como se pretende, a Unesco declara este espazo "Patrimonio da Humanidade".
Vázquez e Baltar concordaron en que a singularidade e excepcionalidade turística e paisaxística da Ribeira Sacra, son os principais valores que ten este xeodestino, que merece ser recoñecido con esta distinción.
Para elo, como primeiro paso, Manuel Baltar convocou días pasados no Pazo Provincial a alcaldes e representantes dos oito concellos da provincia de Ourense que forman parte da Ribeira Sacra: A Peroxa, A Teixeira, Castro Caldelas, Esgos, Montederramo, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil e Xunqueira de Espadanedo, para retomar unha iniciativa que xa fora proposta na década dos anos 90 do pasado século, "para impulsala e conseguir que este espazo xeográfico teña o recoñecemento internacional que merece pola súa peculiaridade arquitectónica, do patrimonio histórico-artístico, paisaxística, turística e cunha sinalada industria no sector vitivinícola e da castaña".
"Todo serán vantaxes nesta candidatura", afirma Manuel Baltar, engadindo que a Deputación de Ourense "ponse a disposición das administracións Autonómica e Central e dos concellos de Ourense e Lugo, así como da Deputación de Lugo, para que a cooperación e a colaboración entre todos faga posible que academos a formalización da candidatura e que a Unesco lle dea á Ribeira Sacra esa distinción de especial protección, algo que, sen dúbida, servirá de reactivación e dinamización económica para esta contorna e para as provincias de Ourense e Lugo".
Convenio para as estación de Molgas e Santa Cruz
Por outra banda, na xuntanza que mantiveron hoxe Manuel Baltar e Xesús Vázquez asinaron un convenio de cooperación socio-cultural entre a consellería e o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde) para a adecuación das antigas estacións de ferrocarril de Baños de Molgas e Santa Cruz de Arrabaldo, ámbalas dúas na provincia de Ourense.
Segundo este acordo, a Deputación de Ourense, a través do Inorde, investirá 100.000 euros achegados por parte da Xunta de Galicia para levar a cabo obras e novas infraestruturas dentro do programa museográfico das estacións de Molgas e Santa Cruz de Arrabaldo. O importe total dos investimentos para estas actuacións hai que engadir 32.000 euros máis que achega o Inorde, co cal o montante total ascende a 132.000 euros.
No que atinxe á estación de Baños de Molgas as obras consistirán no acondicionamento interior e exterior dunha carpa fixa, acristalada, equipada para a realización de múltiples eventos. A carpa permitirá contar cun espazo complementario para o desenvolvemento das actividades do Museo Moncho Borrajo, que na actualidade ten a súa sede na antiga estación de Baños de Molgas.Desta maneira, refórzase o uso xa existente e se busca a súa consolidación, ao tempo que dota ao Concello de Baños de Molgas e á súa contorna dun recurso cultural senlleiro.
Na estación de Santa Cruz de Arrabaldo levaranse a cabo obras de musealización para o Centro de Interpretación do Traxe Folclórico Galego e un obradoiro de fabricación de liño con métodos tradicionais. Asemade, as instalacións albergarán un espazo para a Fundación Estanislao Reverter e o Centro interpretación da historia do automóbil e do coche clásico, garantindo así a exposición e conservación dunhas coleccións que no futuro poden integrar o patrimonio museístico de Galicia.