A Xunta confirma que este verán incoará o expediente BIC da Ribeira Sacra, para seguir cos trámites cara a acadar a declaración de Patrimonio Mundial

Compartir

  • Manuel Baltar recibiu no Pazo Provincial ao conselleiro de Cultura, con quen analizou o tema da sé do Ateneo e proxectos de cooperación como as obras de mellora en centros de ensino da provincia e o Museo do Viño de Galicia.

Ourense, 3 de abril de 2017.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu hoxe no Pazo Provincial ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, con quen analizou os proxectos de cooperación de ámbito cultural, social e de infraestruturas educativas que o goberno provincial está a desenvolver conxuntamente co departamento que dirixe Román Rodríguez. Trala xuntanza, o titular de Cultura confirmou que o vindeiro verán a Xunta de Galicia terá incoado o expediente de Ben de Interese Cultural (BIC) da Ribeira Sacra, para seguir cos trámites cara a acadar a declaración de Patrimonio Mundial da Unesco para este territorio, unha iniciativa que foi impulsada pola Deputación de Ourense.

Manuel Baltar destacou o inicio do expediente para a declaración como BIC da Ribeira Sacra, "expediente que ten a súa complexidade, pero todos temos o convencemento de que a Ribeira Sacra xa é un patrimonio mundial, e que se anuncien datas como esta, e que xa tratáramos o venres pasado no pleno da Deputación este tema é algo que valoro moi positivamente, tendo en conta que foi precisamente aquí, na Deputación de Ourense, hai tres anos desde onde se reactivou esta petición a prol da Ribeira Sacra".

Na reunión de hoxe Manuel Baltar e Román Rodríguez trataron tamén o tema do Ateneo de Ourense e posteriormente reuníronse con representantes da plataforma pro-Ateneo para analizar a situación da sé desta entidade. Baltar afirma que coa presenza do conselleiro en Ourense "queda visible esa cooperación, coa dispoñibilidade total por parte da Deputación de Ourense para abordar esa fase intermedia, namentres a Xunta non dispoña unha ubicación definitiva para a sé", e comentou que os responsables do Ateneo e de Cultura da Deputación xa están en contacto para ver a fórmula que permita dispoñer esa coexistencia en espazos da Deputación, como pode ser nas instalacións do Centro Cultural "Marcos Valcárcel".

En relación á ubicación na antiga reitoral de Santo André, en Ribadavia, do Museo do Viño de Galicia, Baltar expresou "a total colaboración da Deputación de Ourense para levar a cabo a musealización destas instalacións"; e no ámbito das infraestruturas educativas, o presidente do goberno provincial destacou a importancia "de seguir coa cooperación iniciada hai dous anos entre Deputación e Xunta de Galicia para que a institución provincial colabore nas obras de mellora en centros de ensino da provincia de Ourense", un convenio que suporá un investimento de 600.000 euros achegados a partes iguais pola Deputación e a Xunta. Baltar considera que toda a cooperación que exista entre administracións e tamén con entidades privadas como neste caso é o Ateneo "é o camiño para achar solucións e evolucionar nos retos que se nos presentan".

Román Rodríguez agradeceu a sensibilidade de Manuel Baltar e da Deputación de Ourense para facer posible esta liña de colaboración no ámbito das obras de mellora en centros de ensino da provincia de Ourense, e no que atinxe á Ribeira Sacra subliñou que se está a tramitar o expediente, "que ten unha grande complexidade técnica por canto a Ribeira Sacra é un ben que afecta ao redor de vinte concellos e a unhas vinte mil parcelas, co cal hai que ser moi coidadosos na tramitación". O conselleiro destacou que a candidatura da Ribeira Sacra "vai competir no ámbito nacional e internacional, e agardamos ter incoado o dito expediente BIC cara a este próximo verán".

Sobre o Museo do Viño de Galicia Román Rodríguez afirmou que xa están a rematar "as negociacións co Bispado para a cesión das instalacións á Xunta de Galicia, tralo cal se sacaría a licitación o proxecto museístico, para o cal xa existe unha partida orzamentaria na Xunta, e tamén contamos coa colaboración da Deputación de Ourense para o desenvolvemento de actividades relacionadas co ámbito do viño".

En relación á reunión mantida coa plataforma pro-Ateneo Román Rodríguez cualificouna de "moi positiva". "O que acordamos foi poñer en marcha unha solución-ponte baseada na proposta realizada polo presidente da Deputación de Ourense, de que a institución provincial achegue un espazo ata que a Xunta poida dispoñer dunhas instalacións na capital ourensá para acoller a sé do Ateneo, especificamente no edificio da biblioteca", explicou o conselleiro.