A Xunta de Goberno aproba as bases da XXXVI edición do Premio "Blanco-Amor" de novela longa
Ourense, 7 de abril de 2017.- A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense celebrada esta mañá no Pazo Provincial aprobou as bases reguladoras da convocatoria da XXXVI edición do Premio "Blanco-Amor" de novela longa. Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao venres 7 de abril.
As bases deste premio recollen que poderán participar nel todos os autores que presenten unha ou varias obras escritas en galego segundo a normativa oficial. En canto ás novelas, terán unha extensión mínima de 150 folios mecanografados ou escritos en ordenador (fonte: Times New Roman e tamaño 12) a unha soa cara e a dous espazos, ou de 75 folios coa mesma fonte a dúas caras e a dous espazos.
As obras presentadas terán que ser inéditas e de cada obra deberán presentarse cinco copias asinadas cun lema, en paquete sen remite, dirixido á Deputación de Ourense, facendo constar no exterior "Para o XXXVI Premio Blanco-Amor" e, nun sobre anexo, pechado e baixo o mesmo lema, indicaranse o nome e enderezo do autor e, de ser posible, o seu teléfono e enderezo electrónico.
O prazo para presentarse rematará o día 14 de setembro de 2017, coincidindo co cento vinte aniversario do nacemento en Ourense de Eduardo Blanco-Amor.
O xurado do premio, nomeado pola Deputación, estará composto por cinco membros de recoñecido prestixio no ámbito da cultura galega. O premio estará dotado con 12.000 euros e unha obra escultórica. A concesión do premio implicará a cesión ao autor dos dereitos da primeira edición en lingua galega da obra, a cal deberá realizarse nun prazo máximo dun ano desde a data de entrega do premio, quedando sen efecto a cesión no caso de que no dito prazo non se leve a cabo.
A entrega do premio terá lugar nun acto literario organizado pola Deputación o día 1 de decembro de 2017, trinta e oito cabodano do autor de A Esmorga. A convocatoria deste premio publicarase no BOP e na sede electrónica da Deputación.
Continuando en materia cultural, na xuntanza tamén se aprobaron os prezos públicos para o Campamento da Ourensanía que este ano chega a súa cuarta edición e que establece como cota de inscrición un importe de 88 euros.
No apartado de Benestar, a Xunta de Goberno aprobou o proxecto "EmpregOU" para a súa presentación ás axudas do Fondo Social Europeo na convocatoria de 2017 previstas no Programa Operativo de Emprego Xuvenil (Axudas AP-POEJ). A axuda solicitada ascende a 1.520.724,37 euros, cantidade que representa o 91,89% do presuposto total elixible do proxecto "EmpregOU", que ascende a 1.654.940 euros.
Cooperación
No relativo á cooperación cos concellos e agrupacións da provincia de Ourense, na xuntanza aprobouse unha axuda para agrupación folclórica Queixumes dos Pinos de 20.000 euros para gastos de funcionamento da entidade correspondentes ao ano 2016; unha axuda de 5.687 euros para o Concello de Arnoia destinada á mellora no camiño da área recreativa do Inquiao, en concreto, para o ensanche do acceso; para o Concello da Gudiña, unha axuda de 15.000 euros para a Casa da Viúva correspondentes ao ano 2017; e por último, unha axuda de 20.000 euros para o Concello de Muíños destinada á mellora de espazos públicos.
Por outra parte, a Xunta de Goberno aprobou dúas modificacións do Plan Provincial de cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial do exercicio 2017, unha delas relativa ao Concello de Bande, incrementando en 198.8832,37 euros, o orzamento da obra denominada "Acondicionamento e afirmado na OU-1201 Bande (OU-540)-Barxés (OU-1202)", no termo municipal de Bande, resultando un orzamento total de 398.883,37 euros.
A outra das modificacións afecta a dous proxectos do Concello de Melón. Por unha banda, anúlase a obra denominada "mellora do abastecemento en Melón e Quins" e incorpórase o orzamento correspondente desa obra de 37.917,61 euros, ao da obra denominada "viario do acceso ao velorio de Melón", cun orzamento total de 84.917,62 euros, dos cales 55.000 serán achegados pola Deputación do Plan Provincial e o resto polo concello. A outra modificación afecta á obra de "instalación eléctrica no camping municipal" a cal foi substituída pola obra de "acondicionamento do entorno do edificio dotacional do Cruceiro Gordo", cun orzamento total de 30.000 euros.
Por último, a Xunta de Goberno aprobou a concesión de bonificacións nas tarifas por uso das instalacións do Pazo dos Deportes "Paco Paz". En concreto, estas bonificacións beneficiarán ao Club Deportivo Fundación Cipri Gomez, que obtén un desconto nas tarifas do 10%, e o Club Marusia Ourense, que terá unha bonificación do 50%.