A Xunta de Goberno aproba as bases do XXXVIII Premio Blanco-Amor de novela longa
- Asemade, aprobouse a convocatoria do XV Certame de Artes Plásticas da Deputación de Ourense, para premiar e difundir traballos dos creadores máis novos.
Ourense, 1 de abril de 2019.- A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou na reunión celebrada hoxe as bases reguladoras do XXXVIII edición do Premio Blanco-Amor de novela longa, no que poder participar os autores que presenten unha ou varias obras escritas en galego segundo a normativa oficial. Así o informou o deputado provincial de Cooperación, Pablo Pérez, quen deu conta hoxe dos acordos adoptados pola dita Xunta, correspondentes ao luns 1 de abril de 2019.
As obras, que deberán ser inéditas, terán unha extensión mínima de 150 folios mecanografados ou escritos en ordenador (fonte Times New Roman, tamaño de fonte 12) a unha soa cara e a dous espazos, ou de 75 folios mecanografados ou escritos en ordenador (fonte Times New Roman, tamaño de fonte 12) a dúas caras e a dous espazos.
Os interesados en participar poderán presentarse os orixinais ata o día 16 de setembro de 2019, e deberán presentar de cada obra cinco copias asinadas cun lema, en paquete sen remite, dirixido á Deputación de Ourense, rúa Progreso n.º 32, 32003 Ourense, facendo constar no exterior "Para o XXXVIII Premio Blanco-Amor". Nun sobre anexo, pechado e baixo o mesmo lema, indicaranse o nome e o enderezo do autor ou autora e, de ser posible, o seu teléfono e enderezo electrónico.
O xurado do premio, que será nomeado pola Deputación e a Fundación Eduardo Blanco Amor, estará composto por cinco membros de recoñecido prestixio no ámbito da cultura galega. O premio estará dotado con 15.000 € e unha obra escultórica, aínda que o xurado poderá declaralo deserto. A entrega do premio terá lugar nun acto literario organizado pola Deputación de Ourense e a Fundación Eduardo Blanco-Amor, o domingo 1 de decembro de 2019, coincidindo co corenta cabodano do autor de A Esmorga.
Outro dos asuntos aprobados pola Xunta de Goberno en materia de Cultura foi a convocatoria do XV Certame de Artes Plásticas Deputación de Ourense que ten como obxectivo premiar e difundir os traballos dos creadores máis novos. No certame poderán participar tódolos artistas de entre 18 e 30 anos e poderán participar cun máximo de dúas obras cada un. A temática será libre e admitiranse todo tipo de tendencias estéticas e o emprego de calquera tipo de técnica e material.
A convocatoria deste concurso realízase para as modalidades de pintura, escultura, gravado e calquera outro tipo de expresión artística (vídeo, arte dixital, instalacións, etcétera).
En canto ás obras, deberán axustarse as seguintes características: en pintura non poden ser superiores a dous metros en calquera das súas dimensións, en escultura terán que ter unha altura máxima dun metro con oitenta centímetros e unha base que non superará un metro por un metro, e no caso de gravados e outras expresións artísticas as medidas son libres.
No relativo aos premios, que se establecen sen distinción de modalidade, ascenden a unha contía total de 7.000 euros, distribuídos do seguinte modo: 3.000 euros para o primeiro premio, 2.000 euros para o segundo premio, 1.000 euros para o terceiro premio, e dous accésits de 500 euros cada un. As obras non poderán estar premiadas con anterioridade en ningún outro certame artístico. Ademais, a Deputación realizará unha exposición, no mes de setembro, cunha selección dos traballos presentados e realizará o correspondente catálogo.
Os interesados en participar poderán presentarse ata o día 15 de xuño de 2019, e deberán entregar ou enviar as súas obras ao Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense. Para a súa identificación, as obras levarán en lugar ben visible un lema identificativo, que pode ser común ás obras presentadas polo mesmo autor. En sobre pechado, á parte, incluirá un boletín de participación no certame ou copia deste por cada obra presentada, debidamente cuberto e cunha copia do DNI do autor. No exterior do sobre figurará o lema da obra ou obras.
En materia de cooperación, a Xunta de Goberno aprobou a expropiación forzosa para a execución da obra "beirarrúas en Fonteboa – N-525", no termo municipal de San Cibrao das Viñas.
Por último, no referido aos Servizos Sociais, na reunión aprobáronse dúas modificacións das bases reguladoras do Programa para o fomento da natalidade "ChegOU 2019" e do concurso para a concesión de axudas para proxectos de prestación de servizos sociais para o exercicio 2019. En ambos casos a modificación refírese ao cambio de grao do Concello de Boborás que figura na clasificación dos concellos da provincia de Ourense cun grado 3, cando atendendo aos criterios que determinan estes grados, lle corresponde un grado 2.
Así mesmo, a Xunta de Goberno tamén aprobou dúas axudas directas por razóns de emerxencia social, tendo ao Concello de Taboadela como entidade colaboradora. Unha das axudas, que ascende aos 6.000 euros, ten como finalidade repoñer os danos causados por un incendio en varias autocaravanas e un vehículo que servía de vivenda a unha familia, en Veredo, Taboadela; e a outra axuda, por importe de 1.310 euros, está destinada ao servizo de limpeza e desinfección dunha vivenda emprazada en A Chaira en Taboadela