A Xunta de Goberno aproba inicialmente o proxecto de expropiación da obra de construción do cemiterio en Beariz

Compartir

Ourense, 21 de febreiro de 2019.- A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou inicialmente na reunión celebrada esta mañá o proxecto de expropiación da obra de construción do cemiterio no municipio de Beariz, así como a apertura dun período dun información pública polo prazo dun mes. Así o informou o deputado provincial de Cooperación, Pablo Pérez, portavoz da Xunta de Goberno, quen deu conta hoxe dos acordos adoptados pola dita Xunta, correspondentes ao xoves 21 de febreiro de 2019.

Na reunión aprobouse tamén a expropiación forzosa para a execución da obra de mellora da estrada provincial OU-0551 Pontenova-Bellao, no municipio de Ourense, e a modificación do Plan provincial de Cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial do exercicio 2019 relativa ás obras municipais de San Cristovo de Cea. Por un lado, incorpora ao plan principal a obra "pavimentación e reposición do abastecemento na rúa Forno do Roxón en Cea", cun orzamento total de 48.000 euros, sendo a achega da Deputación de 24.000 euros. E, por outro lado, incorpora ao plan principal a obra "pavimentación nas rúas Forno do Santo e Pasaxe San Lourenzo en Cea", cun orzamento tamén de 48.000 euros, sendo a axuda da Deputación de Ourense de 24.000 euros.

Na xuntanza deuse conta do decreto da Presidencia do día 15 de febreiro de 2019 relativo ao peche da convocatoria do concurso público de concesión de axudas para o fomento das actividades escénicas e musicais 2019. Como consecuencia a dito acordo, as solicitudes que foron presentadas a partir do dia 18 de febreiro de 2019 non serán admitidas a trámite.

Por último, na reunión deuse conta da resolución da Presidencia relativa ao cesamento na Xunta de Goberno da deputada provincial, Montserrat Lama Novoa, e a designación da tamén deputada provincial, Consuelo Vispo Seara, como integrante da referida Xunta, mentres que o deputado provincial, Jorge Pumar Tesouro, asume as competencias en materia de xestión política da Área de Transparencia e Bo Goberno.