A Xunta de Goberno aproba o Plan Anual de Publicacións para o 2020
- Na reunión tamén se aprobaron as bases reguladoras do concurso para a selección de obras para a súa edición ou coedición pola Deputación de Ourense correspondente ó exercicio 2020.
Ourense, 21 de febreiro de 2020.- A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou o Plan Anual de Publicacións 2020 para a selección e edición de obras no presente exercicio. Quedan excluídas do plan as teses doutorais dirixidas a un público especializado, aínda que serán obxecto de valoración as versións abreviadas das teses doutorais que poidan ter como destinatario un público máis amplo. Exclúese igualmente a publicación de actas de congresos, simposios, seminarios, xornadas ou similares. A dotación orzamentaria do Plan Anual de Publicacións é de 120.000 euros.
A Xunta de Goberno aprobou tamén as bases reguladoras do concurso para a selección de obras para a súa edición ou coedición pola Deputación Provincial correspondente ao exercicio 2020. As bases contemplan dúas modalidades: edición exclusivamente a cargo da Deputación e coedición entre a Deputación e entidades sen ánimo de lucro.
Poderán presentarse as obras científicas, artísticas, literarias ou musicais, realizadas en calquera formato ou soporte (escrito, fonográfico ou audiovisual) que correspondan a calquera das seguintes liñas de publicación:
- Compilacións, escolmas ou antoloxías de artigos publicados en periódicos locais de Ourense ou nas edicións locais de periódicos de ámbito máis amplo, así como gravacións ou transcricións escritas de programas radiofónicos locais.
- Obras que teñan por obxecto o estudo ou divulgación do patrimonio cultural material e inmaterial ou do patrimonio natural de Ourense.
- Estudos históricos, científicos, xurídicos ou literarios relacionados coa provincia de Ourense.
- Obras artísticas, videográficas, literarias ou musicais de autores ourensáns de temática libre.
Así mesmo, non se admitirán a concurso as teses doutorais, ao considerarse que este tipo de traballos, dirixidos a un público altamente especializado, non deben ser obxecto de edición a través do servizo provincial. Non obstante, admitiranse as versións abreviadas de teses doutorais que, axustándose ás liñas de publicacións citadas anteriormente, poidan ter como destinatario ao público en xeral. Tampouco se admitirán a concurso as actas de congresos, xornadas, simposios ou similares.
A contía máxima dispoñible para a financiamento da edición das obras seleccionadas é de 23.031 euros.
Cooperación
No apartado de cooperación con entidades e concellos da provincia de Ourense, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda de 12.000 euros para a Fundación ADO Moure Pro Deporte para actividades de ciclismo correspondentes ao ano 2019. Para a entidade Aquae Querquennae Via Nova aprobou unha axuda de 25.000 euros para os gastos de funcionamento e mantemento, mentres que para a Fundación San Rosendo aprobouse unha axuda de 150.000 euros para a ampliación da residencia para persoas maiores "Santiago Apóstol" de Vilamarín.
No relativo á cooperación cos concellos da provincia, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda de 53.158 euros para o Concello de Bande para a "urbanización da travesía da OU-540 en Bande. Tramo PK 39+610 ao PK 39+711", executada no ano 2017. Para o Concello de Chandrexa de Queixa aprobou unha axuda de 22.919 euros para o acondicionamento da Igrexa de San Martiño, e para o Concello de Lobeira aprobáronse dúas axudas: unha de 17.000 euros para os traballos medioambientais correspondentes ao ano 2020 e outra de 48.000 euros para a mellora da capa de rodadura en Fradalvite, Santa Cruz e Vilariño de Santa Cristina. Por último, aprobouse unha axuda de 40.000 euros para o Concello de Monterrei para a conservación e mantemento do entorno do Castelo de Monterrei.
EmprendOU
Asemade, a Xunta de Goberno aprobou tamén conceder unha axuda, no marco do proxecto EmprendOU, a persoas físicas que leven a cabo proxectos empresariais e/ou de autoemprego en municipios rurais en declive demográfico da provincia de Ourense. En concreto, aprobou nove novos proxectos que se unen a esta iniciativa que a Deputación de Ourense puxo en marcha para afrontar o reto demográfico.