A Xunta de Goberno da Deputación aproba as bases para a concesión de axudas en materia de Servizos Sociais e Natalidade
- Asemade concedeu un total de 325.368 euros para achegas en materia de cooperación para temas de deporte, cultura e infraestruturas.
Ourense, 1 de decembro de 2017.- A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou na reunión celebrada esta mañá as bases reguladoras das convocatorias dos concursos públicos para a concesión de axudas para proxectos de prestación de servizos sociais e para o fomento da natalidade da provincia de Ourense para o ano 2018. Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao venres 1 de decembro.
En concreto, as bases do concurso para a prestación de servizos sociais regulan a tramitación e concesión de axudas destinadas a organizacións, asociacións e/ou fundacións que realicen proxectos na provincia de Ourense para o ano 2018. Tódalas solicitudes deberán responder a algunha das tres modalidades de axuda: proxectos e actividades de emerxencia social, proxectos e actividades de prestacións de servizos sociais na provincia de Ourense, e proxectos de conciliación e reactivación sociodemográfica na provincia de Ourense.
A dispoñibilidade orzamentaria da Deputación de Ourense para tal fin será dun máximo de 300.000 euros, sendo as axudas concedidas dun máximo de 25.000 euros para actividades de emerxencia social, de 15.000 euros para os proxectos de prestacións de servizos sociais, e de 10.000 euros para os proxectos de conciliación. Ademais, estes importes poderán ser incrementados nun 20% no caso de que o proxecto subvencionado sexa presentado conxuntamente por dúas ou máis entidades.
O prazo para a presentación das solicitudes, que se tramitarán por vía telemática, será dun mes, contando a partir do día seguinte da publicación desta bases no Boletín Oficial da Provincia.
En canto ao concurso para a concesión de axudas para o fomento da natalidade da provincia de Ourense, o Programa ChegOU 2018, a Deputación de Ourense destina un máximo de 400.000 euros para financiar as axudas das que poden ser beneficiarios o proxenitor, tutor ou adoptante dun neno menor dun ano, nacidos entre o 1 de xaneiro de 2018 e o 31 de decembro de 2018, que se inscriba nalgún rexistro civil da provincia de Ourense sempre e cando cumpra os seguintes requisitos: figurar empadroado nalgún concello da provincia á data da solicitude da axuda e ter unha antigüidade no empadroamento na provincia, polo menos, de un ano ininterrompido e inmediatamente anterior ao 1 de xaneiro de 2018.
Cada neno nacido, tutelado ou adoptado dará dereito a unha única axuda a favor do solicitante. A axuda terá un importe de 300 euros por neno.
As solicitudes poderán presentarse desde o día seguinte á publicación destas bases no BOP e ata o 31 de decembro de 2018, aínda que o prazo se prolongará ata o día 15 de xaneiro de 2019 no caso de que o nacemento, resolución da adopción ou tutorización, tivera lugar entre o 1 e o 31 de decembro de 2018.
As persoas beneficiarias da axuda recibirán no enderezo a súa tarxeta electrónica, a tarxeta "chegOU", a cal unha vez activada, poderá ser empregada só en farmacias e parafarmacias para a adquisición de produtos hixiénicos, alimentarios e/ou de saúde relacionados co neno, estando activa a tarxeta ata o mes de febreiro de 2019.
Cooperación
En materia de cooperación, a Xunta de Goberno aprobou un total de 325.368 euros en axudas para temas de deporte, cultura e infraestruturas. Por unha banda, aprobou unha axuda de 3.000 euros para a Federación Galega de Balonmano para a escola deportiva 2017 e, para a Diocese de Ourense aprobou unha axuda de 20.000 euros para a reparación da cuberta do templo de Santa María de Tamaguelos.
Asemade, ratificou o convenio de colaboración entre a Deputación de Ourense e a Universidade de Vigo, con data 22 de marzo de 2017, para o desenvolvemento de actividades de difusión cultural no Campus de Ourense, por importe de 220.000 euros.
No apartado de cooperación cos concellos da provincia, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda de 50.000 euros para o Concello de Baltar para o desenvolvemento dun Plan Cultural. Para o Concello de Laza, aprobou unha axuda para o primeiro pago da redacción dun plan especial de infraestruturas e dotacións que ascende a 5.461 euros e, para o Concello de San Cristovo de Cea, unha axuda por importe de 26.907 euros para a celebración da XXV Festa do Pan de Cea.
Tamén se aprobou na xuntanza a modificación do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial do exercicio 2017, relativa ao termo municipal de Melón, pola que se incorpora ao plan principal a obra "construción dun carril bici desde o núcleo de Melón ata a área recreativa de Ponte Cerves e desde o núcleo de Quins cara ao Cruceiro Gordo cun orzamento total de 84.917 euros, en substitución da obra "viario de acceso ao velorio de Melon".
Deportes
En materia de deportes, a Xunta de Goberno aprobou a concesión de bonificacións nas tarifas por uso das instalacións na tempada 2017-2018 e en actividades puntuais do Pazo dos Deportes "Paco Paz". Deste modo, as bonificacións nos prezos públicos polo uso na tempada 2017-2018, van con descontos do 20% ao 90% para: o Club Voleibol Ourense (60%), Escola Burgas Ximnasia (90%), Club Baloncesto Valenzá (45%), Club Burgas Voleibol (60%), Club Tenis de Mesa Academia San Mamed Ourense (75%), Club Marusia Ximnasia (90%), Miticos Basket (20%), Asociación Aixiña (90%), Asociación Renacer (75%).
Na concesión de bonificacións nos prezos públicos polo uso das instalación en actividades puntuais sería do 80% para Special Olympics Galicia e do 60% para a Federación Galega de Boxeo.