A Xunta de Goberno da Deputación aproba o Plan de Publicacións para o exercicio 2017
Ourense, 7 de xullo de 2017.- A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense celebrada esta mañá no Pazo Provincial aprobou o Plan de Publicacións para o exercicio 2017. Así o informou esta mañá a deputada de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao venres 7 de xullo.
A Deputación de Ourense destina un orzamento total de 120.000 euros para o Plan de Publicacións deste ano, tanto para edicións como para publicacións. As obras xa incluídas no plan son: o CD do Himno da Provincia de Ourense, o catálogo para exposición de Jorge Varela: 59 citas para unha escultura ausente, Actas do Congreso de San Martiño do ano 2016, catálogo para a exposición In tempore suevorum, volume de estudos para a exposición In tempore suevorum; a revista Raigame, números 40 e 41,o xornal Romaría Raigame, e Anuario da Gaita nº 31. Asemade, prevese a edición da obra gañadora do XV Premio Pura e Dora Vázquez 2016: Yañez Casal, A.: Do meu nome e outras trapalladas. No apartado de obras sen imprimir de plans anteriores son: V.V.A.A.: Marcos Valcárcel. O valor da xenerosidade. Homenaxe dos amigos; Diéguez Delgado, Agustín: La casa de Monterrey. De señorío gallego a grandeza de España; Pérez Losada, Fermín [et al.]: Paisajes culturales del agua.
No apartado de concorrencia competitiva poderán presentarse ao concurso as obras científicas, artísticas, literarias ou musicais, realizadas en calquera formato ou soporte que correspondan a calquera das seguintes liñas de publicación: compilacións, escolmas ou antoloxías de artigos publicados en periódicos locais de Ourense ou nas edicións locais de xornais de ámbito máis amplo, así como gravacións ou transcricións escritas de programas radiofónicos locais; obras que teñan por obxecto o estudo ou divulgación do patrimonio cultural material e inmaterial ou do patrimonio natural de Ourense; estudos históricos, científicos, xurídicos ou literarios relacionados coa provincia de Ourense; obras artísticas, videográficas, literarias ou musicais de autores ourensáns de temática libre.
Ademais, as obras para ser admitidas deberán cumprir tamén os seguintes requisitos: debe tratarse de obras concluídas na data de remate do prazo de presentación e solicitudes e, as obras deben ser exclusivamente orixinais.
Asemade, as bases reguladoras contemplan que non se admitirán as teses doutorais por ir dirixidas a un público altamente especializado, non obstante, admitiranse as súas versións abreviadas que axustándose ás liñas recollidas nas bases, poidan ter como destinatario ao público en xeral. Tampouco se admitirán as actas de congresos, xornadas, simposios ou similares.
As solicitudes presentaranse no prazo dun mes contando a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.
Axudas para festivais
Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou, por unha banda, a resolución da convocatoria do concurso público para a concesión de axudas para a realización de festivais, ciclos, mostras ou actividades análogas correspondentes ao exercicio 2017, pola cal concede un total de 79.978,41 euros en axudas a 37 entidades. Tamén aprobou a resolución da convocatoria de concurso público para a concesión de axudas para gastos de investimento de asociacións veciñais de Ourense correspondente ao exercicio 2017, pola cal concede un total de 99.903 euros en axudas a 60 entidades da provincia de Ourense.
Cooperación
No apartado de cooperación con entidades e concellos da provincia, a Xunta de Goberno ven de aprobar un total de 256.042 euros en axudas destinadas a temas de cultura, infraestruturas e medio ambiente. Na cooperación con entidades, aprobou dúas axudas para a Asociación Cultural Pen Club de Galicia, unha delas por importe de 93.000 euros para o Congreso Internacional de Escritores celebrado en Ourense, e a outra axuda por importe de 20.000 euros destinada a gastos de funcionamento e mantemento da entidade correspondentes ao ano 2017. Ademais, para a Asociación Grupo de Análisis y Debate Manuel Colmeiro aprobou unha axuda de 18.042 euros para as actividades da entidade correspondentes a este ano.
Para a Fundación Carlos Casares, na reunión aprobouse unha axuda de 50.000 euros para gastos de funcionamento da entidade correspondentes ao ano 2017 e, para o Liceo de Ourense unha axuda de 6.000 euros destinada á adquisición de vestiario para compoñentes da coral.
No relativo á cooperación cos concellos, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda para o Concello de Beariz por importe de 14.000 euros para a instalación de postes reemisores de televisión, e para o Concello da Bola aprobou unha axuda de 15.000 euros para a posta en marcha dun transporte público social municipal. Pola súa parte, para o Concello de Calvos de Randín aprobou unha axuda de 20.000 euros para os gastos de redacción do proxecto do parque empresarial, e para o Concello de Riós, unha axuda por importe de 20.000 euros para a reparación de danos causados polo temporal nas plantacións de castiñeiros.
Por último, na reunión aprobáronse dúas modificacións do Plan Provincial de Cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial do exercicio 2017 unha delas relativa ao Concello de Sarreaus pola cal se incorpora ao Plan a obra "pavimentación e saneamento en Nocelo e Padroso", en substitución da obra "pavimentación e saneamento en Nocelo, Pazos e Perrelos", cun orzamento de execución de 55.000 euros. A outra modificación afecta ao Concello da Veiga pola que se fixa un orzamento total para a obra "abastecemento e saneamento en Corexido e Casdenodres" o importe de 54.999 euros.