A Xunta de Goberno da Deputación aproba os prezos públicos do OUFF 2019

Compartir

Ourense, 26 de setembro de 2019.- A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou hoxe en sesión extraordinaria diversas axudas para cooperar con concellos e entidades en proxectos culturais, deportivos e sociais, así como resolucións referidas aos prezos do OUFF 2019 e ás bases do Premio Pura e Dora Vázquez de ilustración. No que atinxe ao Festival de Ourense, aprobouse a fixación de prezos públicos do Festival de Cine de Ourense (OUFF) 2019, establecéndose as seguintes contías: entrada unitaria: 4 €; bono 10 entradas: 30 €; libros edición 2019: 5 €; libros edición 2018: 4 €, e libros catálogo 2019: 2 €.

Por outra banda, aprobouse a modificación das bases reguladoras da XVI edición do Premio de Narración e Ilustración Infantil e Xuvenil Pura e Dora Vázquez na súa modalidade de ilustración, co seguinte detalle: O xurado estará composto polo presidente da Deputación de Ourense (ou persoa en quen el delegue) e cinco vogais escollidos dos distintos ámbitos da cultura de Galicia. Actuará de secretaria titular a xefa da Sección de Arquivo e Publicacións da Deputación e como suplente o director do Centro Cultural Marcos Valcarcel. Os vogais serán designados pola Comisión Informativa de Cultura, Deportes e Mocidade da Deputación a proposta dos grupos políticos da Corporación. A composición do xurado darase a coñecer en data que se comunicará oportunamente, e este emitirá o seu ditame antes do 20 de novembro do 2019.

Tamén aprobou a Xunta de Goberno a concesión dunha subvención a favor de Aquae Querquennae Vía Nova, por importe de 60.000 euros, para escavacións e outras colaboracións correspondentes ao ano 2019; e outra subvención a favor da Comunidad de Usuarios de Aguas de Córgomo, do termo municipal de Vilamartín de Valdeorras, por importe de 10.000 euros, para o proxecto de acondicionamento captación auga.

Asemade, para Cruz Vermella aprobouse unha achega de 20.000 euros para colaboración en materia de emerxencias e xuventude, correspondentes ao ano 2019; para o Concello da Veiga, 90.000 euros para 90.000 euros para rehabilitación de casas escolas para uso como vivenda nos distintos núcleos do municipio; e para o Concello de Vilamartín de Valdeorras, aprobouse unha axuda de 15.000 euros para a homenaxe a Florencio Delgado Gurriarán.

Tamén aprobou a Xunta de Goberno a modificación da base 14ª das bases reguladoras do concurso para a concesión de subvencións da Deputación a clubs deportivos, relativa á xustificación das subvencións, achegas que teñen como obxectivo o financiamento parcial do gasto dos clubs derivado da súa participación nas competicións deportivas durante a temporada 2018–2019.