A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aproba unha declaración con motivo do Día internacional para a eliminación da violencia de xénero
Ourense, 20 de novembro de 2015.- A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense celebrada esta mañá no Pazo Provincial aprobou unha declaración con motivo do Día internacional para a eliminación da violencia de xénero, que se conmemora o vindeiro mércores, 25 de novembro, na que expresa o seguinte:
"No marco da conmemoración do Día internacional para a eliminación da violencia de xénero, que terá lugar o vindeiro mércores, 25 de novembro de 2015, a Xunta de Goberno da Deputación de Ourense quere manifestar a mais absoluta repulsa a calquera acto de violencia de xénero en calquera das súas manifestacións e o seu firme compromiso de traballar contra todo tipo de discriminación por razón de xénero.
A resposta á violencia de xénero debe ser entendida de xeito global dende todas as institucións, promovendo programas destinados as vítimas, pero tamén incidindo no ámbito educativo con campañas de sensibilización e prevención, fomentando a formación e capacitación de equipos educativos para identificar e axudar as vítimas, impulsando, así mesmo, a idea que é entre toda a sociedade como se vence e acaba coa lacra que supón a violencia de xénero.
O compromiso da Deputación de Ourense é firme a hora de promover en todos os ámbitos da vida modelos non sexistas, de igualdade entre mulleres e homes, implicando a toda a sociedade para evitar un dos ataques máis flagrantes aos dereitos fundamentais das persoas, adoptando as medidas necesarias para facer reais e efectivos estes dereitos tal como xa proclama a nosa Constitución e o noso Estatuto.
Neste sentido, tamén o Código Ético da Deputación de Ourense expresa en relación á Igualdade. no artigo referido a "Principios de bo goberno en relación coa xestión de prestacións e recursos públicos". o seguinte: "Garantirase a igualdade real e efectiva de mulleres e homes baixo os principios de igualdade de trato, igualdade de oportunidades, respecto á diversidade e á diferenza, integración da perspectiva de xénero, acción positiva, eliminación de roles e estereotipos en función do sexo, representación equilibrada e coordinación e colaboración".
Rematar coa violencia de xénero é unha prioridade, todas y todos debemos seguir loitando para que caia sobre os maltratadores todo o peso da lei, a xustiza e o rexeitamento social ata lograr a total desaparición da violencia de xénero."
Así o informou esta mañá a deputada provincial Ana Villarino Pardo, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao venres 20 de novembro. Outro dos temas incluídos na orde do día foi a fixación de prezos de publicacións que editará a Deputación de Ourense.
Axudas para turismo
Ademais a Xunta de Goberno aprobou hoxe axudas para o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra e a favor de distintos Concellos da provincia por valor de 214.689 euros. En concreto, a axuda ao Consorcio para gastos correntes de funcionamento correspondentes ao 2015 por un importe de 25.000 euros. E as axudas concedidas aos Concellos de Cenlle, Cortegada, Chandrexa de Queixa, Ourense, Padrenda, Porqueira, Vilar de Santos e Xunqueira de Espadañedo para os ámbitos de infraestruturas e cultura por valor de 189.689 euros.
Asemade aprobáronse as bases reguladoras das subvencións do goberno provincial para actividades culturais e recreativas para o exercicio 2016. En concreto, a Xunta de Goberno aprobou as bases reguladoras das axudas a cuestións de fomento das actividades escénicas e musicais, para a realización de festivais, ciclos ou mostras, para concellos e entidades sen ánimo de lucro que organicen actividades culturais e recreativas durante o exercicio do vindeiro ano, cun total de presuposto para estas actuacións de 450.000 euros.