A Xunta de Goberno fixa en 4 e 3 euros o prezo das entradas para as proxeccións do OUFF

Compartir

Ourense, 14 de novembro de 2018.- A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou na reunión celebrada esta mañá a fixación dos prezos públicos polo acceso ás proxeccións do Festival de Cine de Ourense (OUFF), establecendo en 4 euros o custe da entrada para a sección oficial ou competitiva e en 3 euros para o resto de proxeccións. Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao mércores 14 de novembro de 2018.

Continuando en materia cultural, na reunión aprobouse a ratificación do convenio de colaboración entre a Deputación de Ourense, a Fundación Sotelo Blanco e o Concello de Castro Caldelas, para a posta en funcionamento do Museo Antropolóxico da Ribeira Sacra Olegario Sotelo Blanco, a través do cal a institución provincial concede unha axuda de 22.045 euros á Fundación Sotelo Blanco para esta finalidade. Así mesmo, na xuntanza aprobouse unha axuda de 9.150 euros para a Agrupación Musical da Limia, destinada a adquisición de equipamento musical para esta entidade.

No apartado de deportes, a Xunta de Goberno aprobou as bases reguladoras e a convocatoria da concesión de bonificación a entidades deportivas polo uso das instalacións do Pazo dos Deportes "Paco Paz" durante a tempada 2018-2019. As bonificacións nas tarifas polo uso do pavillón auxiliar e o principal concederanse trala solicitude dos interesados cando a actividade que alí se realice teña carácter de interese público, social, cultural ou deportivo e non sexa susceptible de reportarlle beneficios económicos ao solicitante.

O prazo para a presentación das solicitudes comezará a partir da publicación da convocatoria no BOP e rematará o 30 de novembro de 2018. En caso de tratarse de actividades puntuais ou extraordinarias, as solicitudes deberán presentarse mínimo unha semana antes do evento, con data límite ata o 1 de agosto de 2019.

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda de 8.000 euros para a Federación Galega de Atletismo da Coruña, para o Campionato de España SUB 20 Pista Cuberta 2018, celebrado nas instalacións de Expourense e, para a Real Federación Galega de Fútbol, aprobou unha axuda de 3.600 euros para as Escolas Deportivas 2018.

Cooperación

No capítulo de cooperación cos concellos, a Xunta de Goberno aprobou un total de 102.897 euros en axudas para temas de Infraestruturas e Medio Ambiente. En concreto, aprobou unha axuda de 48.000 euros para o Concello do Bolo para a recuperación do muíño fariñeiro para poñer en valor o seu patrimonio cultural. Para o Concello do Carballiño aprobou unha axuda de 13.000 euros destinada á instalación de asentos na bancada do campo de Espiñedo.

O Concello de Piñor recibirá unha axuda de 20.000 euros para a rehabilitación dos lavadoiros en Piñor e Arenteiro, así como para o forno de Guimarás, mentres que para o Concello Sarreaus aprobouse unha axuda por importe de 15.000 euros para o equipamento do velorio de Codosedo. Asemade, na reunión aprobouse unha axuda de 6.897 euros para o Concello de Xinzo de Limia para a instalación dun novo sistema de son no pavillón de deportes.

Por último, a Xunta de Goberno aprobou a segunda modificación do convenio entre a Deputación de Ourense, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, e o Concello de Bande, para o financiamento, execución e entrega, para o seu mantemento e conservación das obras do proxecto de prolongación do acondicionamento das marxes do río Badella ao seu paso polo núcleo de Bande. Esta modificación axusta o financiamento do proxecto ao ritmo de execución das obras, tal e como xa se contemplaba no propio convenio.