Xunta, Deputación de Ourense e Fegamp asinan o convenio para poñer en marcha os Grupos de Emerxencias
- O novo mapa cubre todo o territorio da provincia de Ourense.
- Alfonso Rueda, Manuel Baltar e José Manuel Rey asinaron en Ourense o convenio de colaboración.
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, o presidente da Fegamp, José Manuel Rey asinaron en Ourense o convenio de colaboración. en materia de emerxencias e prevención e defensa contra incendios forestais, para a posta en marcha na provincia de Ourense dos 6 grupos de emerxencia supramunicipais (GES) e dun servizo intermunicipal de emerxencias na mancomunidade Terra de Celanova.
Estes grupos de emerxencias, que supoñen un investimento de 358.333,20 euros, veñen a completar a redefinición do mapa de emerxencias galego, cubrindo a totalidade do territorio nunha distribución máis racional de recursos. O custe total para os tres ano é de máis de 18 millóns de euros para toda a comunidade galega, nos que a Xunta asumirá o 60 % do gasto, as catro Deputacións un 20 %, e os concellos o 20 % restante.
Os novos grupos de emerxencias estarán compostos por 12 efectivos, situaranse estratexicamente en 7 localidades da provincia e contarán cunha estrutura máis profesionalizada e de carácter permanente. Ao ter carácter supramunicipal, estes grupos complementarán as redes de bombeiros, tanto municipais como comarcais, nunha malla de xestión das emerxencias ás que tamén hai que sumar Protección Civil.
O novo mapa de emerxencias da provincia de Ourense quedará formado por 6 Grupos Supramunicipais (Castro Caldelas, A Gudiña, Baños de Molgas, Lobios/Muíños, Ribadavia/Avión e O Barco de Valdeorras), polos 3 parques comarcais de bombeiros cos que conta Ourense –aos que hai que engadir o do Carballiño, próximo a entrar en funcionamento- e polo parque municipal de Ourense, ao que se lle suma o servizo de bombeiros de Celanova, xa existente, que será reforzado mediante un convenio entre a Xunta, a Deputación e os concellos.
Cobertura supramunicipal
As sedes dos grupos de emerxencia darán servizo a varios municipios. Deste xeito, Castro Caldelas dará cobertura ás comarcas de Terra de Caldelas, Terra de Trives e Ourense; A Gudiña a Viana e Verín; Baños de Molgas a Allariz-Maceda, A Limia e a zona máis occidental de Ourense; Lobios cubrirá á Baixa Limia; Ribadavia/Avión á comarca do Ribeiro e O Barco a todo Valdeorras. Celanova, grazas a súa potenciación, atenderá aos concellos de Cartelle, Gomesende, A Merca, Quintela de Leirado, Ramirás, Verea, Pontedeva e A Bola.
Finalmente, a rede de seguridade galega complementarase coas agrupacións de Voluntarios de Protección Civil e co resto de corpos que colaboran nas emerxencias, como Garda Civil, Policía Nacional, Policía Autonómica, servizos sanitarios e demais efectivos, todos eles coordinados dende o 112.
O obxectivo da posta en funcionamento destes novos Grupos de Emerxencias Supramunicipais é crear unha auténtica malla que cubra todo o territorio e ofreza unha resposta áxil e eficaz aos cidadáns galegos ante calquera incidencia. Un modelo que non sería posible sen a colaboración entre as distintas administracións, non só entre a autonómica, as Deputacións e os concellos; senón tamén entre os propios concellos, que, na liña impulsada pola Xunta, cooperarán para ofrecer un servizo de resposta ante as emerxencias áxil, eficaz e profesional.
Coordinación
Os GES intervirán en situacións de emerxencia derivadas do desencadeamento de riscos naturais, como poden ser as nevaradas, inundacións, seca ou episodios meteorolóxicos adversos; no mantemento da rede de estradas e vías de comunicación ou participando en operativos de protección civil que se planifiquen en casos de actividades nas que se rexistran aglomeracións significativas de persoas.
Ademais, tamén intervirán en incendios urbanos e forestais; un traballo conxunto que se viña desenvolvendo cos municipios nos últimos anos, e que agora se verá redobrado, posto que tamén colaborarán en labores forestais preventivos. As actuacións en materia de prevención de incendios forestais serán cofinanciadas con fondos FEADER da Unión Europea.
A distribución dos grupos, que foi consensuada entre Xunta, Deputación de Ourense e Fegamp, tivo en conta criterios obxectivos para dar a mellor resposta ante as emerxencias, entre os que se atopan a poboación atendida, a localización en zonas con riscos potenciais ou a existencia de medios e recursos municipais na actualidade que se poidan aproveitar. Ademais, evitouse duplicidades, de tal xeito que ningún grupo de emerxencias se instalará alí onde xa haxa un parque de bombeiros, tal e como se establece no Pacto Local.