Xunta e Deputación destinarán 3,7 millóns de euros para emprego e servizos sociais na provincia de Ourense

Compartir

Manuel Baltar e a conselleira de traballo e Benestar, Beatriz Mato, asinaron hoxe un convenio para coordinar a prestación de servizos sociais básicos e para a contratación de persoas desempregadas.

O acordo inscríbese no protocolo xeral que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acordou cos presidentes dos catro entes provinciais no mes de xuño.

Na liña de axustes que mantén a Deputación, Baltar anunciou a supresión da paga extra de decembro para os deputados con dedicación exclusiva, da Deputación e de organismos dependentes.

Xunta de Galicia e Deputación de Ourense acordaron hoxe destinar un investimento de 3,75 millóns de euros para emprego e servizos sociais na provincia de Ourense, no marco do convenio asinado polo presidente provincial, Manuel Baltar, e a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato. O acordo contempla coordinar a prestación de servizos sociais básicos e a contratación de persoas desempregadas, e forma parte do protocolo xeral que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acordou cos presidentes dos catro entes provinciais no pasado mes de xuño.

Manuel Baltar dixo que este acordo "materializa o compromiso da Deputación de Ourense cos servizos sociais e co emprego na nosa provincia, e pon de manifesto que a coordinación entre administracións "é a maneira máis eficaz para crear emprego e garantir a prestación de servizos públicos aos cidadáns". Nesta liña de "priorizar accións e de manter a máxima eficiencia co máximo aforro", Manuel Baltar anunciou "a supresión da paga extra de decembro para os deputados con dedicación exclusiva, tanto da deputación como de organismos dependentes", unha medida en consonancia coa política de austeridade da institución provincial "que busca facer máis con menos, coa prioridade posta sempre na atención aos concellos da nosa provincia e os seus veciños, como é o caso do presente convenio, que pon o acento no emprego e nos servizos sociais".

Do total do investimento do convenio asinado hoxe -3,75 millóns de euros-, a Xunta achegará preto de 3 millóns de euros, isto é, o 77% do total. En concreto, para servizos sociais destinaranse 2,5 millóns, dos que o Goberno autonómico financiará 1,7 millóns e a Deputación de Ourense 850.000 euros; mentres que para emprego a Xunta investirá de forma íntegra 1,2 millóns de euros.

Beatriz Mato subliñou que todos temos a obriga "de buscar o máximo rendemento do diñeiro público e de mellorar as capacidades de emprego e do benestar cidadán, e para elo, hoxe faise máis necesario que nunca esa coordinación entre as administracións públicas".

Este acordo inscríbese dentro do protocolo xeral que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asinou cos presidentes dos catro entes provinciais o pasado mes de xuño.

Mato destacou que a finalidade do acordo é "garantir a continuidade, a estabilidade e a sostenibilidade dos servizos sociais comunitarios e as políticas de emprego no medio local", e constitúe unha aposta por unha xestión dos recursos "eficiente e eficaz, reducindo duplicidades e optimizando investimentos". Ademais, este marco de colaboración tamén é unha aposta "pola máxima eficiencia e polo equilibrio territorial".

Servizos sociais

Os servizos sociais recibirán un total de 2,5 millóns de euros, dos que a Xunta achega 1,7 millóns e a Deputación de Ourense, 850.000 euros. Con este convenio, desenvólvese o novo decreto de servizos sociais comunitarios, que se aprobou en marzo. Esta normativa aposta pola coordinación e por axilizar o financiamento dos servizos sociais comunitarios que prestan os concellos.

Así, mediante este convenio a Xunta de Galicia vai financiar os traballadores sociais dos servizos sociais comunitarios municipais de todos os concellos da provincia. Ademais, tamén financiará o persoal técnico con perfil profesional diferente dos traballadores sociais integrado nos servizos sociais comunitarios básicos e o servizo de axuda no fogar de prestación básica (SAF básico) dos concellos de máis de 20.000 habitantes.

Pola súa banda, a Deputación de Ourense financiará a axuda no fogar (SAF básico) das corporacións locais de menos de 20.000 habitantes, así como o persoal técnico, diferente dos traballadores sociais, dos servizos sociais comunitarios básicos das corporacións locais de menos de 20.000 habitantes.

Ademais do servizo de axuda no fogar básico, tamén existe a modalidade para persoas dependentes, que desde a entrada en vigor do novo decreto finánciase por parte da Administración autonómica a través doutra vía, isto é, queda fóra do obxecto deste convenio. Grazas a esta nova vía, o financiamento liquídase de xeito trimestral, cando antes era anual. Por este concepto, está previsto que os concellos da provincia de Ourense reciban 5,1 millóns de euros.

Impulso á contratación

O convenio de colaboración recolle tamén un investimento en emprego, que achega a Xunta de xeito íntegro e que ascende a 1,2 millóns de euros para a contratación de persoas desempregadas. Isto supón aumentar en máis dun 300 % a achega da Administración autonómica á provincial nesta materia con respecto ao ano 2011.

Esta contratación permitirá dotar aos beneficiarios dunha experiencia profesional que lles axudará a mellorar a súa empregabilidade, especialmente naqueles colectivos que atopan maiores dificultades para a súa inserción laboral. Ademais, ao realizarse en colaboración directa coas entidades locais, contribuirá a adecuar as políticas activas de emprego ás necesidades concretas dos territorios. Ao mesmo tempo, estas persoas realizarán servizos de interese xeral para a provincia de Ourense.