A xustiza da a razón á Deputación de Ourense no pleito contra Flager

Compartir

O Xulgado de Primeira Instancia nº 3 de Ourense ven de dar a razón á Deputación de Ourense desestimando a demanda da inmobiliaria Flager, S.A., promovida por suposto incumprimento contractual.

Flager reclamaba á deputación a cantidade que tivo que aboar a empresa aos reversionistas da finca Santamarina -en total 7.037.927 euros-, e agora a xustiza desestima esta petición por entender que Flager coñecía os dereitos de reversión, afirmando a resolución xudicial que non é que Flager non coñecera a existencia de dereitos de reversión da finca, sobre os que tiña subscritos con anterioridade contratos de opción de compra, "senón que, facendo efectivas esas opcións de compra, interveu na transacción como titular da totalidade do dereito de reversión, aínda que tratase de negalo para non aboar o prezo convido aos titulares, petición que foi rexeitada en todos os procedementos".

A sentencia sinala que non existe incumprimento por parte da Deputación de Ourense, pois "a finca entregouse á compradora libre de cargas, xa que os dereitos de reversión quedaban liquidados coa transacción", e engade que as cantidades que tivo que entregar aos reversionistas "non foron máis que o prezo convido pola adquisición duns dereitos de reversión que non tiña e que lle permitiron situarse na posición xurídica na que finalmente obtivo unha redución moi importante do prezo da finca".

Tamén desestima a sentencia o argumento de "enriquecimento inxusto" por parte da Deputación de Ourense que sostiña Flager, afirmando a resolución xudicial que o dito enriquecimento patrimonial da deputación e o empobrecemento que di ter sufrido Flager "non son máis que a consecuencia dos pactos ou negocios libre e validamente convidos entre as partes".