A Comisión do Transporte Metropolitano avanza na configuración de itinerarios, frecuencias e paradas de oito liñas piloto

Compartir

Un proceso “moi complexo”, destacou o presidente provincial, Luis Menor, trala reunión celebrada esta mañá, dado que es preciso combinar as necesidades de todos os concellos da área metropolitana, “pero no que estamos moi implicados e coa vontade de seguir avanzando”

 

O punto que desestabiliza a proposta económica actual é a contía do billete, que tería “un prezo absolutamente fóra de mercado e que calculamos alcanzaría os 29 euros”. O Concello de Ourense ten marxe para reducir os custos fixos da extensión de liñas, entende Menor, e por tanto facer viables as liñas piloto

 

A Xunta de Galicia puxo sobre a mesa modificar o servizo de transporte que actualmente presta a administración autonómica na área metropolitana, adecuándoa ao transporte urbano, ademais de facer posibles os intercambios, transbordos e manter bonificacións

 

O presidente provincial mostrouse optimista ante a posibilidade de acelerar algúns dos proxectos piloto en puntos “socialmente relevantes”: A Valenzá; polígono de San Cibrao; e a área empresarial e o parque acuático de Pereiro de Aguiar

Ourense, 15 de xullo de 2026.

O Centro Cultural marcos Valcárcel acolleu esta mañá unha nova reunión da Comisión do Transporte Metropolitano, convocatoria na que se avanzou na configuración de oito liñas piloto, no referido a extensión, itinerarios, frecuencias e paradas. Un proceso “moi complexo”, destacou o presidente provincial, Luis Menor, dado que es preciso combinar as necesidades de todos os concellos da área metropolitana, “pero no que estamos moi implicados e coa vontade de seguir avanzando”.

A formulación de liñas piloto foi un dos acordos alcanzados na última reunión da comisión, celebrada en marzo, onde ademais da definición de paradas e frecuencias tamén se acordou estudar o impacto que terían esas rutas no transporte interurbano e os custos que suporía a posta en marcha destes novos servizos.

No referido ao custo económico, Luis Menor explicou que as contías sinaladas polo Concello de Ourense “resultan ser moi elevadas” en razón á extensión que se pretende e, sobre todo, por incluír custos fixos que “entendemos poderían ser derivados ao contrato coa concesionaria”. 

Ante o escenario que se abre coa entrada dunha nova concesionaria do transporte urbano na cidade, a comisión formulou a necesidade de facer un estudo económico, “agora que temos os custos reais do contrato actual máis todos os datos da nova adxudicación”. Isto non implica un novo estudo desde cero, matizou o presidente provincial, senón “perfeccionar o estudo cos datos da nova adxudicación, que cremos que van ofrecer uns custos máis beneficiosos”.

Luis Menor manifestou que o punto que realmente desestabiliza a proposta económica actual é a contía do billete, que tería “un prezo absolutamente fóra de mercado e que calculamos alcanzaría os 29 euros”. O Concello de Ourense ten marxe para reducir os custos fixos da extensión de liñas, entende Menor, e por tanto facer viables as oito liñas que se propoñen con carácter piloto.

Adecuación do transporte competencia da Xunta de Galicia

Na reunión celebrada esta mañá tamén abriuse un novo escenario, ante o feito de que estas oito liñas teñen destinos concretos que alcanzan en parte aos concellos afectados, pero que á totalidade da área metropolitana.

Así, detallou Luis Menor, a Xunta de Galicia puxo sobre a mesa unha nova posibilidade, aceptada polo Concello de Ourense, que supón modificar o servizo de transporte que actualmente presta a administración autonómica, adecuándoa ao transporte urbano, ademais de facer posibles os intercambios, transbordos e manter bonificacións.

Acelerar liñas “socialmente relevantes”

O presidente provincial mostrouse optimista tamén ante a posibilidade de acelerar algúns dos proxectos piloto naqueles puntos “socialmente relevantes”. Entre eles citou A Valenzá, o polígono industrial de San Cibrao das Viñas, así como a área empresarial e o parque acuático de Pereiro de Aguiar. Estas liñas son as que poderían implantarse “con maior rapidez ao semellar máis viables a todos os niveis”, concluíu Menor.

Liñas piloto

As liñas piloto sobre as que se traballa son Palmés-Amoeiro; Ourense-Cruz de Rante; Cumial-Parque Tecnolóxico-parque empresarial de Pereiro; Ceboliño-A Derrasa; Velle-Vilariño; O Viso-Vilarchao; Cabeza de Vaca-San Lourenzo de Piñor; e Santa Cruz-Razamonde.