A Deputación inicia os traballos de retirada de máis de 4.000 toneladas de entullo na “zona cero” de Viana do Bolo afectada polas riadas de xuño
A institución provincial, a través da Área de Infraestruturas, declarou o trámite de urxencia para encomendar as tarefas de limpeza de terra, lodos e residuos de construción á empresa pública Tragsa
As actuacións centraranse nos núcleos da Bouza e Pixeiros os máis devastados polas tormentas, co obxectivo de restablecer a normalidade nun prazo de entre 10 e 15 días
Viana do Bolo, 1 de xullo de 2026.
A Deputación de Ourense vén de iniciar, cumprindo co anunciado, os traballos de retirada de entullo nas zonas máis afectadas polas recentes tormentas e riadas que afectaron ao concello de Viana do Bolo. A institución provincial, a través da Área de Infraestruturas, declarou o procedemento de urxencia para iniciar de xeito inmediato os labores de desentullo nos núcleos da Bouza e Pixeiros.
Os traballos comezaron esta mañá na Bouza, unha das localidades máis prexudicadas polas fortes riadas do pasado 17 de xuño, para que a veciñanza recupere a normalidade á maior brevidade posible. O principal obxectivo é, primeiramente, o desentullo de todos os materiais que soterraron a zona central da poboación.
A execución destas tarefas foi encargada ao medio propio Tragsa, que xa está a mobilizar maquinaria pesada na zona, como retroescavadoras, camións e miniescavadoras, para facer fronte á retirada de máis de 2.000 metros cúbicos de material acumulado, o equivalente a máis de 4.000 toneladas de entullo.
Actuación inmediata da Deputación ante a catástrofe
A Deputación mobilizou, horas despois de suceder a catástrofe, os seus propios medios técnicos e materiais co obxectivo prioritario de abrir o leito do regato (afluente do Rego Canela), e evitar así que o problema agravárase ou producíranse novos desbordamentos no caso de que volveran as choivas.
Unha vez garantida a seguridade preventiva, os traballos céntranse agora na retirada efectiva de todo o material depositado pola forza da auga. En primeiro lugar, as tarefas estarán centradas na limpeza dos lodos, das terras e dos sedimentos fluviais arrastrados polo río e, posteriormente, procederase á retirada dos residuos de construción e demolición das vivendas e alpendres que resultaron afectados.
Segundo as previsións, estes traballos espérase que finalicen nun prazo de entre 10 e 15 días.