A Deputación recupera nunha edición facsimilar as Dez cartas escritas pr’os gallegos, de Valentín Lamas Carvajal
A publicación sae hoxe á venda (https://publicacions.depourense.es/2026/09/01/2654/) coincidindo co 120 aniversario do falecemento do escritor ourensán e cos 150 anos da fundación de O Tío Marcos d’a Portela
A obra reúne nun estoxo de colección a reprodución exacta da primeira edición de 1875 e un volume complementario cun estudo de Afonso Vázquez-Monxardín e a adaptación do texto ao galego actual
Ourense, 04 de setembro de 2026.
A Deputación de Ourense recupera unha obra clave do Rexurdimento galego coa edición facsimilar de Dez cartas escritas pr’os gallegos, de Valentín Lamas Carvajal, que sae hoxe á venda coincidindo co 120 aniversario do falecemento do escritor e xornalista ourensán.
A publicación, incluída no Plan Anual de Publicacións da Deputación para 2026 e aprobada polo Consello Asesor de Publicacións, preséntase nun estoxo de colección que reúne dous volumes. O primeiro reproduce fielmente a edición orixinal publicada en Ourense en 1875 pola imprenta de J. M. Ramos. O segundo incorpora un amplo estudo histórico e literario de Afonso Vázquez-Monxardín, ademais dunha adaptación das dez composicións ao galego actual para facilitar a súa lectura e achegalas a novos públicos.
O presidente da Deputación, Luis Menor, salienta que esta edición permite “recuperar fielmente un texto fundamental e poñer ao alcance da cidadanía unha mensaxe que conserva intacta, século e medio despois, a súa capacidade para emocionar, facer pensar e reivindicar os valores de Galicia”.
A iniciativa conmemora tamén outra destacada efeméride vinculada á figura de Lamas Carvajal: os 150 anos da fundación, en 1876, de O Tío Marcos d’a Portela, considerado o primeiro periódico editado integramente en lingua galega e do que o autor ourensán foi creador e director.
Un chamamento ao espertar de Galicia
Escrita con motivo da Exposición Rexional de Galicia celebrada en Santiago de Compostela en 1875, Dez cartas escritas pr’os gallegos está formada por dez poemas de ton popular cos que Lamas Carvajal fai un chamamento á conciencia colectiva e á defensa do país.
A través dunha linguaxe próxima, directa e combativa, o escritor denuncia problemas como o analfabetismo, o caciquismo, a emigración, o abandono do rural ou o desprezo pola identidade propia. Ao mesmo tempo, reivindica o potencial económico e cultural de Galicia, a educación, o progreso, a unión dos galegos e o uso e dignificación da lingua.
O estudo de Afonso Vázquez-Monxardín analiza o contexto no que xurdiu a obra, o papel das exposicións rexionais como impulso modernizador e de afirmación da identidade galega e a relevancia das Dez cartas dentro da produción literaria e xornalística de Lamas Carvajal. O volume tamén recupera o texto íntegro adaptado á normativa actual, mantendo o sentido e o carácter popular das composicións orixinais.
Luis Menor subliña que “preservar o patrimonio bibliográfico é tamén preservar a nosa memoria colectiva” e reafirma o compromiso da Deputación “coa difusión da cultura galega, coa defensa da nosa lingua e coa posta en valor dun legado intelectual que constitúe un dos grandes patrimonios da provincia de Ourense e de toda Galicia”.
O exemplar orixinal empregado para realizar esta edición consérvase na Biblioteca da Deputación de Ourense, dentro do fondo bibliográfico de Alberto Vilanova.
A publicación estará dispoñible desde hoxe na tenda en liña da Deputación de Ourense (https://publicacions.depourense.es/2026/09/01/2654/) e chegará nos próximos días ás librarías, cun prezo de venda ao público de 9 euros. A Deputación distribuirá esta publicación entre as bibliotecas máis importantes de Galicia e a todas as da provincia.