A Ribeira Sacra acolle o V Campionato de Tapas e Pinchos de Galicia
A Deputación de Ourense impulsa, a través do Inorde co apoio de Turismo de Galicia, unha nova edición deste certame que se inaugurou hoxe no Mosteiro de San Pedro de Rocas que reúne a un total de 45 cociñeiros de toda Galicia
O campionato, que se celebra hoxe e mañá 20 de outubro, premiará a mellor elaboración en miniatura da comunidade poñendo en valor o sector agroalimentario galego
Esgos, 19 de outubro de 2026.
O Mosteiro de San Pedro de Rocas acolle desde hoxe o V Campionato de Tapas e Pinchos de Galicia que impulsa a Deputación de Ourense a través do Inorde co apoio de Turismo de Galicia. O presidente do Inorde, Rosendo Fernández, participou hoxe na inauguración desta quinta edición que reúne a 45 profesionais da cociña procedentes das catro provincias galegas, quen competirán por elaborar a mellor proposta gastronómica en miniatura.
Este evento, que pon en valor os produtos de calidade e a creatividade do sector hostaleiro, celébrase en dúas xornadas de competición nas que os participantes dispoñen de quince minutos para elaborar e presentar as súas propostas en directo ante o xurado. As creacións deben poder degustarse nun máximo de tres bocados, avaliando aspectos como a calidade técnica, a orixinalidade, a sustentabilidade e a viabilidade económica para a súa incorporación ás cartas dos establecementos.
Na inauguración destacouse a importancia da gastronomía como motor de desenvolvemento económico e promoción turística para a provincia de Ourense e para toda Galicia.
Xurado e premios
O xurado encargado de avaliar os pratos está presidido por María José Meda, chef do restaurante El Batán (con estrela Michelin e sol Repsol), e composto por cociñeiros, comunicadores e creadores de contido do eido gastronómico que proceden de diferentes rexións de Galicia.
A entrega de premios terá lugar mañá martes 20 de outubro, a partir das 17.30 horas, no propio mosteiro de San Pedro de Rocas. Outorgaranse tres galardóns principais dotados con equipamento e produtos profesionais, ademais de mencións especiais e premios categóricos vencellados ao maridaxe e á calidade do produto.
Todo o campionato e a cerimonia de entrega de premios pode seguirse en directo a través da plataforma academiadelatapa.com e nas redes sociais oficiais do evento.