A Veiga acolle este sábado a segunda fase do XVI Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas

Compartir

Máis de 300 gaiteiros daranse cita neste evento que rendirá homenaxe á memoria da cantora Dorinda Pérez Rodríguez de Pradolongo (1921-2023)

O vicepresidente segundo, César Fernández; o alcalde da Veiga, Juan Anta; e o director da Escola Provincial de Gaitas, Xosé Lois Foxo, presentaron este certame, cuxa fase final será en Manzaneda

Ourense, 4 de xuño de 2025.

O municipio da Veiga acolle este sábado, a partires das 12.00 horas, a segunda fase do XVI Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas. Esta importante cita cultural, impulsada pola Deputación de Ourense, contará coa participación de máis de 300 gaiteiros e rendirá homenaxe á memoria da cantora Dorinda Pérez Rodríguez de Pradolongo (1921-2023). 

Na presentación de este evento participou o vicepresidente segundo e deputado provincial de Cultura, César Fernández, quen deixou patente que “estamos ante un claro exemplo de que se poden facer cousas grandes desde concellos pequenos”. O alcalde da Veiga, Juan Anta, pola súa parte, destacou que “un evento destas características non sería posible sen o mestre Foxo, tan implicado na defensa dos valores e da música tradicional”. O director da Escola Provincial de Gaitas, Xosé Lois Foxo, avanzou que este sábado “A Veiga será a capital da Gaita” con esta segunda fase do certame, cuxa final celebrarase en Manzaneda.

Informou Foxo que participarán, sobre trescentos gaiteiros procedentes de Lugo, Coruña e Ourense que conforman dez bandas de gaitas. Recollerá o testigo como organizador o alcalde de Manzaneda, localidade onde se celebrará a fase final do Certame así como o Serán da Seitura, os días 26 e 27 de xullo do presente ano 2025. Os participantes no acto destacaron que o evento se realice na memoria da cantora Dorinda Pérez Rodríguez, como unha das persoas que transmitiu ao director da Escola de Gaitas un enorme bagaxe de cantos e romances de tradición oral, gracias ao que vive a nosa música e a nosa fala.